Saltar ao contido principal

As mil e unha historias de Marisol Ortiz de Zárate

Non contabamos con micrófono e non fixo falta. A pesar de que Marisol Ortiz de Zárate nos advertiu de que a súa voz era frouxa, moi pronto conseguiu captar a atención do alumnado de 3º da ESO referindo a historia da narradora de contos máis antiga, a protagonista de As mil e unha noites. Ao fío desta e doutras historias, a escritora tratou mil e unha curiosidades non só da súa propia experiencia no oficio da escritura, senón tamén da novela Cantan los gallos. Deste xeito, tivemos a oportunidade de coñecer un pouco máis sobre a obra de lectura deste trimestre, pero dende o punto de vista da autora: como é o proceso de documentación dunha obra histórica?, de que foxen os protagonistas?, quen é o personaxe preferido da escritora?...

Comentou Ortiz de Zárate que a máxima de que a novela debe atrapar o lector guiou o proceso creativo desta obra que o alumnado de 3º da ESO leu con pracer. Do mesmo xeito nos atraparon as súas palabras, ás que puxo punto e final co relato dun magnífico conto de Borges, O espello e a máscara. Tamén houbo tempo, por suposto, para algunhas interesantes preguntas, así como para asinar exemplares da novela.

Deixámosvos con algunhas fotos da actividade, non sen antes agradecer enormemente a Marisol Ortiz de Zárate a súa presenza na nosa biblioteca.

Moitas grazas!!!!






Comentarios



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...