Saltar ao contido principal

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2022

Este ano a Real Academia Galega adícalle o Día das Letras Galegas ao escritor, editor literario e activista político e cultural do exilio galego en México: Florencio Delgado Gurriarán (1903-1987).

.

Florencio Delgado Gurriarán naceu en Córgomo, concello de Vilamartín de Valdeorras, en agosto de 1903. Dende neno, e por mor do traballo do seu pai, perito agrónomo, pasou por continuos traslados, residindo en cidades como Ourense, Palencia ou Valladolid, regresando a Valdeorras en 1928.

En Valladolid comezou Florencio a súa formación política ao descubrir, a finais dos anos 20, un exemplar do xornal A Nosa Terra no que se difundía o ideario das Irmandades da Fala.

En 1930 constitúese a Irmandade Galeguista Valdeorresa, na que Florencio é elixido vogal por Córgomo e, en 1933, ingresa como militante no Partido Galeguista, acompañando a Otero Pedrayo e a Alexandre Bóveda nos seus mitins pola bisbarra valdeorresa.

O comezo da Guerra Civil, o 18 de xullo de 1936, pillou a Florencio en Valdeorras. Pasa a fronteira de Portugal e consegue chegar a Porto, onde embarca nun navío noruegués con destino á cidade francesa de Bordeos. Nos primeiros meses de 1939, cando a derrota do exército republicano era inminente, embarca no Ipanema, cara ao seu exilio.

En México comezou unha intensa actividade cultural: fundou a revista Vieiros, con Luís Soto e Carlos Velo, a Fundación do Patronato da Cultura Galega, a Irmandade Galeguista e o Ateneo de Galicia.

A súa obra está recollida nos libros Bebedeira, Galicia infinda, Cantarenas, Poemas e O soño do guieiro. Tamén foi responsable da selección e tradución de poemas franceses incluídos en Poesía inglesa e francesa vertida ao galego e da tradución de Cemiterio mariño de Paul Valéry.

Nos seus escritos utilizou varios pseudónimos como: Korgomófilo, Nadel, Porto do Río, Xan do Sil, Sil e R. Miño.

 


 

 Se queredes coñecer máis da obra e da biografía de Florencio Delgado Gurriarán, podedes clicar nas seguintes ligazóns:

 

 

 

 

 

 

 

Comentarios



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...