Saltar ao contido principal

Día Internacional de Conmemoración en Memoria das Vítimas do Holocausto (27 xaneiro de 2021)

O 27 de xaneiro é o Día Internacional de Conmemoración en Memoria das Vítimas do Holocausto. O 27 de xaneiro conmemoramos a liberación en 1945 polas tropas soviéticas do campo de concentración e exterminio nazi de Auschwitz-Birkenau. Neste día lembramos o xenocidio ou asasinato en masa de case seis millóns de xudeus e doutras comunidades relixiosas, etnias e grupos minoritarios, como testemuñas de Xehová, xitanos, homosexuais ou persoas con discapacidades durante a 2ª Guerra Mundial. O Holocausto foi o maior xenocidio do século XX, un exterminio étnico levado a cabo polo estado nazi alemán, liderado por Adolf Hitler.

Este xenocidio masivo comezou con políticas discriminatorias e segregación nos guetos das cidades e rematou coa deportación de miles de persoas a campos de exterminio onde foron "eliminados".

É importante coñecer a historia e render homenaxe ás miles de persoas que morreron nos campos de concentración nazi, máis aínda cando estamos asistindo na actualidade a un aumento mundial dos discursos de odio, xenofobia, racismo e outras formas de intolerancia que poden conducir a actos violentos contra determinados grupos humanos.


Entre as actividades realizadas no noso centro para conmemorar este día, gravamos un podcast na nosa radio escolar, Rebolondas. Neste audio podemos escoitar, na voz dos alumnos: Xosé Cameán (4º ESO) e Lola Collazo (3º ESO), a historia de Xulia, Lola e Amparo Touza Domínguez, tres irmás de Ribadavia que axudaron a centos de xudeus que fuxían dos nazis. 

 
 
Lola e Xosé na radio escolar

 
Ademais no panel verde da entrada fíxose unha exposición con terribles imaxes dos campos de concentración nazis e unha selección de poemas. Tamén aparecen imaxes dalgúns murais que realizaron artistas internacionais de 21 países no muro de Berlín, unha obra de arte única que deixan unha mensaxe para que nas futuras xeracións non se repitan os erros do pasado.
 


 

 

Comentarios



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...