Saltar ao contido principal

Publicacións

Abrimos as portas da nosa biblioteca no Día Internacional das Bibliotecas

 Desde o noso centro intentamos manter as portas abertas da nosa biblioteca o máximo de tempo posible, e queremos que o noso alumando a desfrute, a poña en valor, a coñeza... Por iso, e centrándonos no alumando de 1º ESO que son os novos integrantes, coa colaboración das e dos titores destes grupos, o noso alumnado fixo unha visita á biblioteca en hora de titoría e alí informámolos dun concurso que queremos facer para que busquen información e exploren o noso catálago. Propuxémoslle que elaboraran unha portada do seu libro favorito ou aquel que queren recomendar.  Os e as máis creativas incluso fixeron unha reinterpretación de contos clásicos mesturados, que xa quedaron como parte dos fondos e exposición permanente da biblioteca. Aquí vos deixamos os traballos finais! E aquí as portadas e historas máis creativas e orixinais que gañaron os premios:

Apaga o candil... volvemos ao teatro co alumnado de 2º e 3º da ESO

 O  alumnado de 2º ESO e 3ºESO asistiu no Pazo da Cultura de Carballo á representación da obra de teatro “Apaga o Candil” a cargo da compañía Contraproducións e da mán da dirección de Cándido Pazó. Nesta representación que forma parte do 33 Festival Internacional Outono de Teatro (@fiotcarballo), recordaron teatralmente a figura de Carlos O Xetal, folclorista, contador de historias e humorista galego de gran popularidade nos anos 60 e morto nos 90. Diversión, emoción e reflexión nun espectáculo que reivindica a riqueza da tradición oral e a memoria rural como unha das bases da identidade cultural.

Seguimos apostando polo teatro, neste caso a través do Teatro Lido

Desde a biblioteca Rebolo e desde o noso centro seguimos apostando polo teatro nas diferentes facetas. Neste caso, un grupo de alumnos da ESO participou, coordinados pola profesora que coordina o EDLG e forma parte do equipo de biblioteca, na 23º edición do concurso escolar de Teatro Lido "Xosé Manuel Eirís" cunha adaptación da obra de Manuel Núñez Singala, O achado do castro .  Na ligazón  https://youtu.be/1fga4UOfP8Q?si=WG34rFzySs7Kz4pf  podedes ver o vídeo da súa participación.  Podedes ver todos os vídeos participantes na súa canle de YouTube:  XXIII Concurso Escolar de Teatro Lido 'Xosé Manuel Eirís' 2024:  https://www.youtube.com/playlist?list=PLXWhCf_vEVNZB7cSMlTSy_Tgu9qeN0cKL O noso alumnado non gañou o premio, pero recibiu uns diplomas e uns agasallos pola súa participación.

Apostamos un ano máis pola creatividade en época de Nadal

 Desde o EDLG e coa colaboracion da biblioteca Rebolo e do Departamento de Artes Plásticas, por sexto ano convocamos o Concurso de postais de Nadal. O obxectivo é que o alumando mostre as súas habilidades artísticas. 

Alumando axudante 2023/2024. Entrega de diplomas

 O ano pasado tivemos a sorte de contar con varios alumnos e alumnas que colleron as rendas da Biblioteca Rebolo e, despois dunha formación inicial, puideron participar e axudar nas diferentes tarefas que se levan a cabo desde este espazo.  Hoxe é o día no que lles entregamos os diplomas e lles agradecemos a súa colaboración. As portas desta biblioteca sempre estarán abertas para vós! Aquí vos deixamos algunhas imaxes da entrega de diplomas por parte do novo alumnado axudante.  

O teatro axuda a reflexionar ao noso alumnado sobre certas cuestións relacionadas co sexo

 Dentro do ciclo de teatro do FIOT, o 16 de outubro acudimos co noso alumnado de 4º ESO para ver a obra de teatro DeseXo e participar logo dunha charla-coloquio.  A obra fíxonos reflexionar sobre a sesualidade sa, onde aprendemos o que sabemos de sexo, tamén falamos daquelas cuestións tabús... A través de situacións cotiás expuxéronnos presións, estereotipos, frustracións, formación sexual..., todo regado con humor. Todo isto deixounos no taboleiro como se usa a pornografía e o espazo que ocupan as redes sociaisas redes sociais. Puidemos, así mesmo, falar cos actores e director da obra sobre estas cuestións.  O noso alumnado, despois dun momento un pouco tenso polo tema tratado, comezou a cuestionarse e poñer enriba da mesa algunhas destas cuestións que son parte do seu día a día.    

Saída ao teatro do alumnado de 1º de Bacharelato: prexuízos, supersticións, faladurías, sospeitas... que as mulleres que viven soas teñen que sufrir

 Desde este centro e desde a Biblioteca Rebolo cremos que é moi importante a formación en todos os aspectos da vida tamén fóra das aulas, e nisto o teatro pode ser unha ferramenta moi útil.  Temos a sorte de contar cun Festival Internacional de Outono de Teatro (FIOT) que un ano máis nos ofrece a posibilidade de acudir co noso alumnado a diferentes representacións teatrais. Nesta ocasión, fomos ver a posta en escena (estrea absoluta desta obra que comeza connosco a súa andaina) dunha obra na que tres actrices nos contaron e fixeron reflexionar sobre o que unha muller soa ten que sufrir (prexuízos, supersticións, faladurías, sospeitas...). A compañía Berrobambán pon en escena Mulleres que viven soas , que tivemos a sorte de ver. Ao final da obra tivemos tamén a oportunidade de poñer enriba da mesa sensacións, experiencias parellas, comentarios... a través dun coloquio coas actrices e o director. Moitas grazas por esta oportunidade!

Xornadas de presentación e formación de novos/as usuarios/as da Biblioteca Rebolo

Un ano máis dámoslle a benvida ao novo curso, e con el ao novo alumnado.  Neste inicio da actividade escolar, e despois de poñer a punto a nosa biblioteca, realizamos unhas xornadas de presentación e formación con todos os cursos de 1º ESO por seren estes novos usuarios. Nelas explicámoslles o funcionamento, a organización e as actividades que levamos a cabo desde ela.  Ademais, un ano máis, o noso centro volve formar parte do Programa de Voluntariado na bibioteca escolar, polo que tamén lles informamos en que consiste para que o novo alumnado do centro (xunto co de anos anteriores) poida participar. Aquí vos deixamos algunha imaxe destes 5 días de xornadas de presentación.

O "Rebolotion test" chega ao seu fin...

 Despois de varias semanas onde alumando da ESO (distribuído en grupos) do noso centro foi pasando pola biblioteca, nos recreos, para participar no noso concurso interdisciplinar "Rebolotion test", este chega ao seu fin!!!! E aquí a GRAN FINAL... con grande expectación...!!!!!! E tamén os gañadores!!! Categoría A (1º e 2º da ESO): E da categoría B (3º e 4º da ESO): Moitas grazas a todas e todos polos gratos momentos vividos na nosa biblioteca durante estes recreos. Tamén queremos agradecer a todos os departamentos didácticos por toda a súa colaboración, sen eles non sería posible poñer en marcha este 1º Rebolotion test!! E por último, temos que agradecer enerxicamente ao departamento de Informática. Esta actividade foi proposta e impulsada desde este departamento, e contou coa estreita colaboración da biblioteca, e tamén, como dixemos, co resto de departamentos didácticos. Esparamos que o alumnado a desfrutara coma nós, e poder facer moitas máis edicións!!!

Conmemoramos o Día Mundial do Medio Ambiente

 O 5 de xuño conmemórase o Día Mundial do Medio Ambiente e o noso alumando de 4º da ESO, concienciados de como afecta a pegada ecolóxica e do consumo responsable, traballou na clase de Bioloxía nunha actividade colaborativo entre este departamento e a biblioteca para visibilizar esta problemática. Moitas grazas á profesora Esther Bértoa, profesora de Bioloxía e integrante do equipo de biblioteca polo seu traballo e iniciativa con este alumnado!!!!


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...